Skip to content
14 DEC. / 12.00 h.
Teatro Principal

Jean-Jacques Martinod (Guayaquil, Ecuador, 1990) é cineasta, artista, curador cinematográfico, investigador abisal e anarquivista clandestino. Obtivo a súa maestría na Universidade de Concordia (Montreal), onde foi membro do Centre for Expanded Poetics, The Global Emergent Media Lab e o Fabrique-mondes Research Group. Actualmente, cursa o seu doutoramento no programa Emergent Technologies and Media Art Practices na Universidade de Colorado, onde continúa investigando na intersección entre tecnoloxía, ecoloxía e expresión artística. O seu traballo aborda as relacións entre o humano e o non humano, explorando mitoloxías populares, memorias anémicas e biomas suprarrexionais. Como curador, traballou con Cámara Lúcida (Ecuador), V-F-X (Eslovenia) e Xinema (Canadá), entre moitos outros.

Actualmente, é programador e coordinador de documental expandido no Mimesis Documentary Festival (EE. UU.). Como artista e pedagogo, estende a súa práctica máis aló do ámbito cinematográfico, creando contornas onde converxen a experimentación mediática e o compromiso comunitario. En 2025 publica a novela experimental Arkta Cirklo en colaboración co artista Paulus van Horne. Os seus filmes foron exhibidos en festivais, museos e cinematecas como IFF Rotterdam, FIDMarseille, Sheffield Doc/Fest, CIFF Camden, PHI Montreal, Cineteca Nacional de México, Cinemateca do MAM Rio de Janeiro, Cinemateca de Bogotá, entre outros.

ÁGORA CON JEAN-JACQUES MARTINOD

O investigador, escritor, programador e cineasta ecuatoriano Jean-Jacques Martinod, cuxa obra percorreu os máis prestixiosos festivais internacionais e centros de arte e promoción cultural, será o protagonista dun encontro co equipo de programación de Novos Cinemas. Tras a presentación de tres das súas curtametraxes en Galicia, Martinod exporá a súa singular concepción dun medio que o habilita para explorar as relacións entre o humano e o non humano, incidindo e validando a importancia das mitoloxías populares, así como as representerpretacións de postulados teóricos e conceptos como ecosistema ou bioma.

ANTES DEL DILUVIO

Canadá | 2020 | 39´ | Cor – Bn | HI8 & Super 16mm

ESTREA EN GALICIA

No remoto norte de Canadá, pobos mineiros espectrais xacen conxelados no tempo, o seu legado de uranio resoa a través de corredores abandonados e paisaxes contaminadas. Esta inquietante meditación transita as terras fronteirizas entre o documental e o pesadelo, onde a decadencia industrial atópase coa memoria.

Dirección e Guión / Jean-Jacques Martinod
Fotografía / Jean-Jacques Martinod, Bretta C. Walker, Eduardo Urueña
Montaxe / Jean-Jacques Martinod
Música / Eduardo Urueña
Son / Jean-Paloma Daris, Alex Lane

ALBORADA DE DATURA

Estados Unidos, México | 2021 | 17′ | Cor – Bn | Super 16mm

ESTREA EN GALICIA

Un agricultor descobre un meteorito caído nos altos desertos de Chihuahua. A Terra Alieníxena e o Alieníxena Terrestre entrelázanse baixo o feitizo dunha solanácea letal.

Dirección e Guión / Jean-Jacques Martinod, Bretta C. Walker
Fotografía / Jean-Jacques Martinod, Bretta C. Walker
Montaxe / Jean-Jacques Martinod, Bretta C. Walker
Son / Alex Lane

LA BALA DE SANDOVAL

Ecuador | 2019 | 17′ 10’’ | Cor – Bn | Super 16mm

ESTREA EN GALICIA

Isidro deambula pola selva mentres el e o seu irmán rememoran as veces en que se atopou cara a cara coa morte mesma.

Dirección e Guión / Jean-Jacques Martinod
Fotografía / Jean-Jacques Martinod
Montaxe / Jean-Jacques Martinod
Música / Roberto Calero Piedrahita
Son / Jean-Jacques Martinod, Alex Lane