O cineasta burelés, Adrián Canoura (xurado da Sección Oficial) compartirá en exclusiva as imaxes da súa primeira longametraxe, Fomos ficando Sós, un proxecto que parte da premisa do arquivo documental privado (as cintas de vídeo grabadas polo pai do cineasta) para profondar nas relacións paterno filiais (basadas nunha presencia ausente) e ilustrar un ecosistema socio-laboral e existencial en vías de extinción ao que aparentemente so lle queda a vía mítica.
Adrián Canoura estuda Realización e Produción Audiovisual (Fundación TIC, EIS Lugo) e especialízase en Cámara e Realización (Escola de Ficción de Voz Audiovisual, A Coruña). En 2016 trasládase a Madrid para cursar o prestixioso Master LAV. No 2018, a Academia Galega do Audiovisual noméao novo talento, e a crítica e teórica Nicole Brenez escolle Caerán Lóstregos do Ceo como un dos traballos do ano. As súas películas foron proxectadas en festivais como Curtas Vila do Conde, Fibda, Fracto Berlin, Filmadrid, Nouveau Cinema, FICCI de Cartaxena de Indias ou Sao Paulo. O traballo de Canoura abarca proxectos híbridos entre documental e ficción, aproximacións experimentais á vídeo-creación, traballo con arquivo ou creacións máis contemporáneas. Actualmente enfoca o seu traballo na creación audiovisual en directo para bandas como Baiuca, Sen Senra e Guitarricadelafuente, coas que percorre escenarios nacionais e festivais de todo o mundo, como o de Marrakech, Bogotá, Quito, Milán, París, Xenebra, Budapest ou Ciudad de México.