Cineasta a reivindicar no eido do cinema de autor europeo, creador de curtametraxes, mediametraxes e longametraxes cuxa recepción no circuíto internacional de festivais está mais que contrastada, Maxime Martinot protagoniza o primeiro foco internacional dedicado á súa obra. Durante a súa estancia na nosa cidade, o produtor, escritor e realizador francés compartirá a súa heterodoxa concepción do cinema e faranos cómplices dos seus procesos creativos.
Maxime Martinot (Francia, 1989) é un director, montador e escritor francés. Tras cursar estudios de cinema na París 8 (Máster en Teoría, Estética e Historia del Cine e Máster en Dirección e Creación), traballa entre Francia e Portugal.
Entre 2012 e 2020 traballa como programador e coorganizador do Festival des 3 Continents (Nantes, Francia). Os seus filmes exhíbense en prestixiosos festivais internacionais como FIDMarseille, Visions du Réel, New Horizons FF, Black Canvas FCC, Doclisboa, Hot Docs, Cinéma du Réel, Free Zone IFF ou La Roche-sur-Yon IFF, entre outros. A súa primeira longametraxe, Trois contes de Borges (2018), obtén dous galardóns en FIDMarseille e estréase nas salas francesas en 2018. A súa curtametraxe de ensaio, Histoire de la révolution (2019), gaña o Premio André S. Labarthe á Mellor Curtametraxe en Entrevues Belfort. Les Antelopes (2020) é nomeado aos Premios César 2022 na categoría de Mellor Curtametraxe Documental, sendo premiada en no Mash Up Film Festival, ForadCamp 2020 e no Tenerife Shorts 2021. A súa última longametraxe, Le Sentier des Asphodèles (2023), obtén unha Mención Especial (Premio CNAP) en FIDMarseille 2023.
– Le film que vous allez voir (2023), 11´
– Les antilopes (2020), 8´
– Le sentier des asphodèles (2023), 87´
– La disparition (2018), 32´
– Trois contes de Borges (2014), 77´
Cinema, instrucións de uso: axítese antes de usar
Maxime Martinot leva unha década desenvolvendo unha obra caracterizada polo diálogo que se establece entre os diferentes filmes que a conforman nunha sorte de mosaico que conxuga a estética do cinema documental, do cinema de ficción e do cinema de pensamento; a autorreflexividade; o arquivo da historia do cinema e do audiovisual; as praxes do cinema de vangarda e experimental e unha implícita –e en ocasións radicalmente explícita– relectura ideolóxica tanto do propio medio como dos temas a desenvolver.
Algunhas desas interaccións materialízanse na superficie dos filmes: evidenciando desde o inicio dos mesmos que factores motivan a súa xénese –Histoire de la révolution ou Le sentier des Asphodèles–, facendo perceptibles as fases que os conforman –Olho animal–, ou insinuando que a súa xénese só é posible tras un proceso de investigación que comporta a previa compilación de material audiovisual, así como a súa posterior selección e recontextualización para acadar o obxectivo desexado –Le film que vous allez voir–.
Mais convén salientar que as devanditas relacións son posibles grazas á capacidade vertebradora dunha montaxe habilitante que permite ao cineasta ir máis aló do meramente argumental ou do obviamente argumentativo. Pois as sinerxías que establece entre as imaxes e entre estas e os sons amplifican exponencialmente a nosa experiencia estética, revelando que o territorio trascende o representado polo mapa.
Apostar por ese modelo permítelle interpelar a un público que se dispersa activamente nunhas propostas que apelan directamente a súa imaxinación e capacidade relacional. Pois mentres interactúa cos filmes, descobre que estes encontran na dialéctica a súa principal razón de ser, xa que esta os imanta a nivel argumental, discursivo, estético e formal: afectando tanto á linguaxe e á forma, como ás ideas e aos conceptos mobilizados.
Dúas das longametraxes que conforman o foco conversan de maneira fluída e case causal. Pois Le sentier des Asphodèles acada organicamente o quimérico obxectivo ao que aspiraba o cineasta de Olho animal: “materializar o punto de vista animal” mediante esa cámara que se move ao seu antollo e vontade, que se detén e desvía para retomar o camiño, que fixa a súa atención en numerosos estímulos mentres cartografa unha ruta –a dos asfódelos–, un territorio, unha paisaxe e unha paisanaxe que semellan condensar o mundo e a súa historia. A terceira longametraxe, Trois contes de Borges, homenaxe ao universo fabulador e creativo do autor porteño e inspirada ilustración da capacidade especular –e abismal– do cinema e a literatura, evidencia unha das características máis salientables de Martinot: a validación da función comunicativa, expresiva, estética, retórica, fónica, gráfica… da palabra, xa sexa oral, escrita ou ausente.
Catro curtametraxes completan o programa deste foco. Mentres La disparition, bebe dos estilemas do cinema de autor europeo para debullar o itinerario emocional dunha rapaza nova en fuga (e ausencia) permanente, os outros tres filmes revelan todo o potencial estético e político que brinda a apropiación e a bricolaxe audiovisual. Se Les antilopes nútrese de imaxes de drons guiados por un texto de Marguerite Duras para falar da nosa animal condición, Le film que vous allez voir adquire a forma dun minimalista, vitriólico e gozoso manual que evidencia e deconstrúe as interseccións entre historia, creación, cinema, norma e liberdade. Pola súa banda, Histoire de la révolution desprega un atinado e frutífero arsenal de recursos visuais e sonoros para ilustrar as diferentes acepcións e concepcións dunha palabra que excede a súa condición de verba: revolución.
Uns filmes e outros axudarannos a descubrir un cineasta tan singular como merecedor do primeiro foco internacional dedicado ao seu traballo.
Suso Novás