Obradoiro de cinema con Candela Sotos
Para estudantes do Campus de Pontevedra
Xoves 08 de outubro
Conceptos básicos e fontes estéticas
Horario: 10h-14h e 16h-20h
Venres 30 de outubro
Primeiro visionado e análise dos proxectos
Horario: 10h-14h e 16h-20h
Martes 24 de novembro
Revisión das pezas e asesoramento cara unha montaxe final
Horario: 10h-14h e 16h-20h
08 de decembro
Presentación e exhibición pública das pezas realizadas na sesión inaugural da Edición 11 de Novos Cinemas
-Crear unha peza audiovisual breve a partir de arquivos propios ou encontrados, atravesados por unha capa documental ou de ficción que reordene a súa temporalidade.
-Reutilizar en lugar de producir, recompilando materiais heteroxéneos e contraditorios entre si en torno a un tema, sen xerarquizalos nin resolver as súas tensións.
-Explorar os materiais audiovisuais desde a montaxe non lineal con esa idea de sedimentación, filtrado, de capas que se acumulan sen eliminar o anterior. Xustaposición, fragmentación e reorganización.
-Desenvolver unha estratexia ou ferramenta propia para cada historia, de modo que estas se convertan no fío condutor que permita atravesalas.
-Construír unha peza colectiva final (proxección de todas as curtas) que se presente como unha «zona húmida construída colectivamente»: unha paisaxe común donde todas quedan depositadas como capas do mesmo terreo.
// Ser estudante da Universidade de Vigo no Campus de Pontevedra durante o curso académico 2026/2027 (grao, mestrado, doutoramento), e ademais todas aquelas persoas tituladas no curso académico 2025/2026 (grao, mestrado, doutoramento) no Campus de Pontevedra.
// Coñecementos básicos de gravación de vídeo e de son.
// Dispoñer dun ordenador portátil e dun programa de edición de vídeo (Premiere, Final Cut, Da Vinci, etc.).
// Adaptabilidade para traballar nunha contorna colectiva e colaborativa.
O período de selección terá lugar entre os días 24 de setembro e o de 2 outubro
O 5 de outubro publicarase a listaxe das persoas seleccionadas (consultar novoscinemas.com). O equipo de Novos Cinemas contactará co alumnado seleccionado.
Entre o 5 e o 6 de outubro, a alumnado seleccionado deberá confirmar a súa participación vía correo electrónico (co asunto: OBRADOIRO DE CINEMA CON CANDELA SOTOS) aos seguintes enderezo info@novoscinemas.com vic.pon@uvigo.es (achegando os seguintes datos: nome e apelidos, grao e curso e copia dixital do D.N.I.)

As zonas húmidas son espazos de transición entre a terra firme e a auga. Non pertencen de todo a ningún dos dous mundos: son un espazo intermedio onde as correntes se desaceleran e os materiais que arrastran poden transformarse. Ese movemento da auga é un espazo de transformación onde se recollen sedimentos, compostos químicos, restos do que ocorre na paisaxe. Alí deposítanse, mestúranse, descompóñense, reorganízanse.
Algo parecido ocorre coa memoria. Os feitos do pasado chegan a ese territorio intermedio entre a historia e o presente. Como a auga que entra na zona húmida, traen consigo sedimentos: relatos, documentos, silencios, versións contraditorias. A memoria non os elimina, retenos e procésaos da forma que pode. Retenos de forma subliminar ás veces, e nárraos a través de comunicación explícita ou silencio.
O taller pretende afondar en historias, arquivos e relatos que se desprendan de cada participante investigador ou narrador das mesmas. Partiremos desde un espazo concreto que achéganos ao contexto local e natural de Pontevedra; As Marismas da Xunqueira de Alba, un hábitat húmido de costa, desde o que poder construír procesos creativos audiovisuais e experimentar coas capas temporais históricas que o conteñen.
Neste contexto, dez estudantes desenvolverán proxectos individuais de curtametraxes que se conformarán ao longo das distintas etapas que estruturarán este taller.
Na primeira sesión establecerase un contexto que favoreza a inmersión e a inspiración estético-temática do alumnado. O obxectivo desta sesión será que cada participante descubra “modelos” de expresión cinematográfica que estimulen tanto a xénese da súa proposta (a idea motriz), como a súa conseguinte formalización (a curtametraxe).
Na segunda sesión, promoverase un primeiro visionado dos filmes, que deben estar considerablemente avanzados ou no ecuador do seu proceso creativo, coa finalidade obxectivo de asesorar de xeito pormenorizado cada proxecto e promover así ou o seu mellor desenvolvemento.
Na terceira e última sesión, seguiremos traballando con cada proxecto, ultimando detalles cara á súa montaxe final e posterior exhibición pública na sesión inaugural da edición 11 de Novos Cinemas.
BIOFILMOGRAFÍA
Candela Sotos (Madrid, 1986) é artista e cineasta. Estudou Comunicación Audiovisual en Madrid e un obtivo Mestrado en Arte Contemporánea e Fotografía pola Université Paris VIII. Tamén foi parte do Programa de Artistas da Universidade Torcuato di Tella de Bos Aires. O seu traballo presentouse en institucións e espazos expositivos como CRA | Matadero Madrid, Cineteca, Círculo de Bellas Artes, Centro Cultural De la Memoria Haroldo Conti (Bos Aires), Fundación Cerezales FCAYC (León), Centro Pompidou Málaga, Fundación Sandretto Re Rebaudengo (Madrid), DA2 Domus Artium (Salamanca) entre outros. Participou en proxectos como a Primeira Escola Latinoamericana sobre o Antropoceno Urbano (ENS- Lyon / UNSAM-IDAES) ou a residencia de investigación do Festival Internacional de Cine Punto de Vista- Centro Huarte. A súa primeira longametraxe documental, Yrupẽ, estreousé no Festival Visions du Reel (2025), percorrendo posteriormente varios festivais. A película obtivo o Premio DOC España na SEMINCI, o Premio José María Berzosa ao Mellor Documental en Cinespaña, o Premio Latexos en Novos Cinemas, o Premio a Mellor Película da sección Escáner de Márgenes, o Premio Panorama en Docs Valencia e unha Mención Especial en Laceno d’Oro. Actualmente reside en Madrid e codirixe lacalor, taller de obra gráfica e espazo de arte independente.
RSS web: ig @candelasotos
www.candelasotos.com
OBRAS/FILMES
Yrupe (2025)
Danza III (2024)