Obradoiro de cinema con Candela Sotos
Filmes como marismas
As zonas húmidas son espazos de transición entre a terra firme e a auga. Non pertencen totalmente a ningún dos dous mundos: son un espazo intermedio onde as correntes se desaceleran e os materiais que arrastran poden transformarse. Ese movemento da auga é un espazo de transformación onde se recollen sedimentos, compostos químicos, restos do que ocorre na paisaxe. Alí deposítanse, mestúranse, descompóñense, reorganízanse.
Algo parecido ocorre coa memoria. Os feitos do pasado chegan a ese territorio intermedio entre a historia e o presente. Como a auga que entra na zona húmida, traen consigo sedimentos: relatos, documentos, silencios, versións contraditorias. A memoria non os elimina, retenos e procésaos da forma que pode. Ás veces, retenos de forma subliminar e nárraos a través da comunicación explícita ou do silencio.
O obradoiro afondou en historias, arquivos e relatos tras os inherentes itinerarios de investigación, reflexión, dúbida e reorientación. Escolleuse un espazo que resemantiza e redimensiona o contexto xeográfico, histórico e natural da cidade de Pontevedra: As Marismas da Xunqueira de Alba, un ecosistema húmido de costa cuxa biodiversidade estimulou a creatividade do alumnado —evidenciando a evolución e as transformacións dos proxectos desde a idea primixenia ata a súa formalización audiovisual— e a experimentación cuns substratos temporais e históricos inherentes a ese singular lugar.
Neste contexto, dez estudantes desenvolveron proxectos individuais de curtametraxes que se conformaron ao longo das distintas etapas que estruturaron este obradoiro.
Candela Sotos (Madrid, 1986) é artista e cineasta. Estudou Comunicación Audiovisual en Madrid e obtivo un Mestrado en Arte Contemporánea e Fotografía pola Université Paris VIII. Tamén foi parte do Programa de Artistas da Universidade Torcuato di Tella de Bos Aires. O seu traballo presentouse en institucións e espazos expositivos como CRA Matadero Madrid, Cineteca, Círculo de Bellas Artes, Centro Cultural De la Memoria Haroldo Conti (Bos Aires), Fundación Cerezales FCAYC (León), Centro Pompidou Málaga, Fundación Sandretto Re Rebaudengo (Madrid), DA2 Domus Artium (Salamanca) entre outros.
Participou en proxectos como a Primeira Escola Latinoamericana sobre o Antropoceno Urbano (ENS- Lyon / UNSAM-IDAES) ou a residencia de investigación do Festival Internacional de Cine Punto de Vista- Centro Huarte. A súa primeira longametraxe documental, Yrupẽ, estreouse no Festival Visions du Réel (2025), percorrendo posteriormente varios festivais. O filme gañou o Premio DOC España na SEMINCI, o Premio José María Berzosa ao Mellor Documental en Cinespaña, o Premio Latexos en Novos Cinemas, o Premio a Mellor Película da sección Escáner de Márgenes, o Premio Panorama en Docs Valencia e unha Mención Especial en Laceno d’Oro.
Na actualidade, reside en Madrid e codirixe lacalor, taller de obra gráfica e espazo de arte independente.
RRSS: ig @candelasotos
www.candelasotos.com
FILMOGRAFÍA
Yrupẽ (2025)
Danza III (2024)