Skip to content
ENTRADA DE BALDE
13 DEC. / 10.30 h.
Fundación RAC
ÁGORA CON RAPAPAWN

TRABALLO EN CURSO: UN CALDO

Neste encontro con Rapapawn achegarémonos a unha peza “en obras”, a un traballo de animación experimental cuxo remate e destino son aínda incertos, pois aínda que as premisas elementais están claras, as dúbidas, as inseguridades e os obstáculos xurdidos do entorno material, laboral e persoal das artistas fíltranse no proceso e condicionan as formas de facer, de avanzar e de deterse. Esta premisa promove unha inmersión na metodoloxía, intereses formais-conceptuais e preocupacións dxs artistas e posibilita o intercambio de impresións co público, no que as autoras exporán os propósitos e plans futuros para este proxecto.

Óscar Raña e Cynthia Alfonso comezaron a traballar xuntos en 2017, e dende entón non deixaron de compaxinar proxectos de cómic, animación, pintura e instalación. O núcleo da súa obra en común constitúeo Rapapawn, estudio de animación experimental dende o cal traballan unha abstracción xeométrica que se desprega fotograma a fotograma, apoiada en relacións entre forma, ritmo, liña e cor. Traballaron xunto a artistas musicais como Holy Fuck, Dan Deacon ou Altin Gün; para empresas coma WeTransfer, Bandcamp, The New York Times, MOOG ou Givenchy, e para festivais de música coma Best Kept Secret e ADE Festival, ambos nos Países Baixos; ou Animario (Festival Internacional de Animación Contemporánea, Madrid). O seu traballo expositivo puido verse en Mountain Analogue (Seattle), en DEMO – It’s nice that (Amsterdam), Narcohumanisme (Bòlit, Xirona), Sala X (Madrid) e noutras cidades coma Porto ou París. A súa obra videográfica foi galardoada co ASME Awards – Best Digital Illustration co seu traballo de animación para The Marshall Project ou o premio ao mellor traballo de animación no festival Kinomural (Polonia), entre outros.