AULA: educación audiovisual e creatividade compartida
A divulgación e a educación audiovisual constitúen un dos piares fundamentais de Novos Cinemas. Por iso, seguimos a desenvolver AULA, unha proposta que combina a transferencia de coñecemento co intercambio de experiencias entre profesionais do sector e a cidadanía, todo nun ambiente lúdico, relaxado e estimulante.
Esta sección concrétase en diferentes actividades, entre as que destacan obradoiros especializados e proxeccións comentadas, converténdose nun espazo privilexiado para a aprendizaxe, a reflexión e a creatividade. Cada edición de #AULA xera resultados únicos que nacen da colaboración directa entre participantes e convidadxs.
Obradoiro coa Universidade de Vigo
No marco de #AULA, impulsamos un obradoiro en colaboración coa Universidade de Vigo, no que dez estudantes desenvolven proxectos individuais de curtametraxe ao longo de varias etapas creativas. Este taller busca aflorar olladas singulares e reveladoras, poñendo o foco na crenza de que o cinema é unha ferramenta para congregar persoas e experiencias, e que cada contexto vital, con todo o que implica, é tamén fonte de forza, límite e identidade creativa.
Obradoiro coa ECAM
Tamén en colaboración coa ECAM (Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de Madrid) —centro formativo de referencia na Península Ibérica— desenvolvemos un taller que achega o alumnado ás metodoloxías e dinámicas propias do ámbito profesional, promovendo o contacto directo con creadorxs e facilitando un espazo de experimentación e aprendizaxe práctica.
AULA+NOVOS: descuberta e expresión para novas xeracións
Non podemos esquecer unha das seccións máis vivas e transformadoras de Novos Cinemas: #AULA+NOVOS, un programa pensado para o público máis novo e inquedo.
Confiamos plenamente na radical sensibilidade da mocidade e no seu xeito libre e sen prexuízos de achegarse ao cinema. Por iso, deseñamos unha programación que invita a interactuar, explorar e compartir descubrimentos e inquedanzas a través das linguaxes audiovisuais. Con esta sección buscamos cultivar unha relación duradeira entre o cinema e as novas xeracións, impulsando a súa participación activa na cultura cinematográfica.