Skip to content

Obradoiro de cinema

por Álvaro Gago

10 DEC | 16:30h, Teatro Principal
ENTRADA DE BALDE
INFO TALLER

Hai filmes polos que se coa a vida. Son estes os que máis me emocionan. Filmes cheos de fendas que nos permiten acceder non só á historia que se nos presenta, senón tamén a unha existencia, e que adoitan ser o reflexo dunha determinada actitude ante o que nos rodea, unha actitude movida polo desexo, a consciencia, a escoita e un asombro continuo polo próximo.

O obradoiro apelou e trouxo á superficie esas olladas propias e reveladoras que tanto necesita o mundo, e fíxoo poñendo especial énfase na crenza de que a función principal do cinema é congregar, e na noción de que é no contexto de cada persoa, que determina e limita, onde radican as posibilidades, a forza e a singularidade de cada unha desas olladas.

Neste contexto, dez estudantes do campus de Pontevedra desenvolveron proxectos individuais de curtametraxes que se conformaron ao longo das distintas etapas que estruturaron este obradoiro.

Na primeira sesión, formulouse un contexto que favoreceu o mergullo e a inspiración estético-temática do alumnado. O obxectivo desta sesión era que cada participante descubrise modelos de expresión cinematográfica que estimulasen tanto a xénese da súa proposta (a idea motriz), como a súa conseguinte formalización (a curtametraxe).

Na segunda sesión, promovemos unha primeira revisión dos filmes, que estaban no ecuador do seu proceso creativo, co obxectivo de asesorar de xeito pormenorizado cada proposta e promover así o seu mellor desenvolvemento.

Na terceira e derradeira sesión, seguimos traballando con cada proxecto, ultimando detalles, cara á súa montaxe final e posterior exhibición pública na sesión inaugural da edición 09 de Novos Cinemas.

BIOGRAFÍA

Álvaro Gago (Vigo, 1986) estuda Comunicación e Música en Galicia, Teatro en Chicago e Cinema na London Film School, na que se gradúa no ano 2013 coa curtametraxe Curricán, estreada no Festival de Málaga. En 2017, dirixe Matria, curtametraxe nomeada aos Goya e gañadora do Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance. A súa seguinte curtametraxe, 16 de decembro, nomeada aos Goya e gañadora do Mestre Mateo, estréase na sección Pardi di Domani do Festival de Locarno. A súa primeira longametraxe, Matria, inspirada na curtametraxe homónima, estreada na sección Panorama da 73.ª edición da Berlinale, gaña a Biznaga de Prata á Mellor Actriz e o Premio ASECAN á Mellor Ópera Prima no Festival de Cine de Málaga, e obtén dúas nominacións a Mellor Dirección Novel e Mellor Actriz na 38.ª edición dos Premios Goya. A película estréase nas salas de cine de España, Francia, Italia, Grecia e Portugal.

Actualmente, forma parte do equipo docente do FilmLab Lac6, o Conecta Lab e La Residencia Navarra, e está desenvolvendo a súa segunda longametraxe de ficción, Porto Alegre, con Ringo Media e Sétima.

https://www.alvarogago.com/

SOMNUS

Galicia, España | 2024 | 03:00 | ESTREA MUNDIAL

Antón Rodríguez Vázquez

2º Comunicación Audiovisual (UVigo).

Decir adiós

Galicia, España | 2024 | 10:25 | ESTREA MUNDIAL

Fabiola Quintela Barba

4º Grao en Belas Artes (UVigo).

C.O.I.A

Galicia, España | 2024 | 5:30 | ESTREA MUNDIAL

Gala Rodríguez

Graduada en Comunicación Audiovisual (UVigo).

A cabra tira ao monte

Galicia, España | 2024 | 06:35 | ESTREA MUNDIAL

Héctor Pousa Herbello

4º Grao en Belas artes (UVigo).

23:51

Galicia, España | 2024 | 02:00 | ESTREA MUNDIAL

Lois Novas Ferreirós

3º Grao en Belas Artes (UVigo).

Desconexión

Galicia, España | 2024 | 04:58 | ESTREA MUNDIAL

Nel González

3º Grao en Comunicación Audiovisual (UVigo).

A prisión dixital

Galicia, España | 2024 | 06:00 | ESTREA MUNDIAL

Pablo Martínez Romero

Gradúada en Belas Artes (UVigo).

Una estrella se estrelló

Galicia, España | 2024 | 03:42 | ESTREA MUNDIAL

Rocío Campoy Lage

Gradúada en Belas Artes (UVigo).

Non é un corto. É unha carta

Galicia, España | 2024 | 07:00 | ESTREA MUNDIAL

Tristán Rodríguez Decabo

2º Grao en Comunicación Audiovisual (UVigo).