
Ademais de cofundar Un Puma e desenvolver proxectos cinematográficos, Victoria Marotta participou en programas internacionais de formación como Berlinale Talents, Rotterdam Lab e EAVE, e colaborou como asesora e avaliadora en espazos de coprodución en Latinoamérica e Europa.
Pola súa banda, e na súa faceta como director, Jerónimo Quevedo estreou dúas das súas curtametraxes, La mujer perseguida (2013) e Enfrentar animales salvajes (2014), no SSIFF (San Sebastián). Tras o seu paso polo festival donostiarra, os filmes foron seleccionados en máis de cincuenta festivais de todo mundo.
– T.R.A.P. (2018), 17´
– Parsi (2019), 23´
– Enfrentar animales salvajes (2014), 7´
– Siete años en Mayo (2019), 40´
Novos Cinemas celebra o seu décimo aniversario con Un Puma, produtora cinematográfica arxentina fincada en Bos Aires e cofundada no 2015 pola produtora Victoria Marotta e polo produtor, guionista e cineasta Jerónimo Quevedo. Este último visitará a nosa cidade e compartirá o modus operandi dunha compañía á que dedicamos o seu primeiro foco europeo.
Fundada e comandada por Victoria Marotta e Jerónimo Quevedo, Un Puma (Bos Aires, 2015) é unha produtora cinematográfica responsable de longametraxes e curtametraxes exhibidas e galardoadas na Berlinale, Biennale di Venecia, Locarno FF, BAFICI, Rotterdam IFF, Toronto IFF, New York FF, FIDMarseille, Tokyo IFF, Mar del Plata FF, Tate Modern, a Universidade de Harvard, a Cinemateca de París, entre outros festivais, mostras, museos e universidades de todo o mundo. En 2023, estrearon Arturo a los 30 (Forum – 73° Berlinale), El auge del humano 3 (Concorzo Internazionale 76° – Locarno FF) e El repartidor está en camino (Premio Especial do Xurado – Visions du Réel). Recibiron o Pardo d’oro do Locarno FF (El auge del humano, Eduardo “Teddy” Williams) e o Oso de Ouro da Berlinale (Un movimiento extraño, Francisco Lezama). En 2023, o festival Bogoshorts dedicou unha retrospectiva ás curtametraxes producidas pola súa compañía. Actualmente, Un Puma desenvolve o proxecto de longametraxe de Hernán Roselli La escuela pesada.
Non ruxe, mais vixía as súas garras
Dez anos escasos tardou Un puma en converterse nun axente indispensable no panorama do cinema de autor desenvolvido en Arxentina e América do Sur. Dende o ano 2015, Victoria Marotta e Jerónimo Quevedo apostaron por un modelo que denota unha militante implicación nos procesos que conforman os diversos estadios vitais de cada un dos filmes, independentemente da súa duración ou adscrición xenérica. Esta maniera de entender o cinema permitiulles conformar un envexable corpus de filmes exhibidos e galardoados nos principais festivais internacionais de cinema.
A súa radical aposta polo desenvolvemento de proxectos de cineastas –emerxentes en non poucas ocasións– con imaxinarios singulares, cuxas casuísticas e demandas os obriga a afrontar cada proposta mediante metodoloxías ad hoc –dende o proceso de ideación ata o posterior acompañamento e promoción–, dá unha idea de como Un Puma vive e concibe o cinema. Vivencia evidenciada nesa radical defensa dunha produción que denota que estética, ética e política poden e deben ir da man. E así o revela unha nutrida nómina de cineastas –Ico Costa, Eduardo “Teddy” Williams, Martín Shanly, Agostina Gálvez, Manque La Banca, Konstantina Kotzamani ou Martín Rejtman– que agora gozan dun incuestionable recoñecemento por parte dos equipos de programación de festivais, filmotecas e centros culturais e de arte contemporáneo, crítica e público.
Desde o noso humilde punto de vista, esta singular concepción achega a Un Puma aos postulados estético-ideolóxicos de determinadas propostas desenvolvidas no eido da edición literaria e musical. Partindo desta premisa, non semella casual que a compañía se defina a si mesma como «casa produtora de autor», frase que reflicte a dimensión e obxectivos da súa empresa. Por unha banda, ideando a compañía coma se dunha casa se tratara: ese espazo que acolle, protexe, impulsa e propicia o desenvolvemento de propostas de diversa natureza. Pola outra, ampliando inclusivamente o concepto de produción e autoría: pois o cinema emana dunha creatividade cooperativa, que imanta cada unha das fases que conforman os diferentes filmes mentres amplifica exponencialmente ou substancialmente seus iniciais obxectivos.
E neste contexto, que concibe os filmes como entes vivos (orgánicos), o labor produtor transcende as súas inherentes funcións –a procura de capital, a alianza con axentes internacionais, etc.– para promover o desenvolvemento e fornecemento duns proxectos extremadamente sensibles a calquera incidencia non desexada que poida alterar o seu devir. Estamos, pois, no territorio da política, e, por ende, ante unha cuestión netamente ontolóxica: facer posible un cinema e facer un cinema posible.
Na escolma que conforma este foco, inferimos a existencia desa liña, pois opera a diferentes niveis: promovendo sinerxías e conversas entre filmes e entre estes e cineastas –o caso de Teddy Williams e Martin Shanly é evidente–; entre as estéticas contemporáneas e o cinema documental –exemplificada en Parsi e na súa interacción entre lectura performativa e inmersión visual, ou en Qué será del verano, proposta que relaciona azar, arquivo, vida e cinema–; entre a tradición do cinema de autor de ficción e as súas derivas –radicalmente evidenciadas na dislocación das expectativas que supón T.R.A.P, na actualización do relato xeracional en clave de comedia que edifica Arturo a los 30, ou na singular maridaxe entre cinema de xénero de auteur, realismo máxico e crítica social que promove Electric Swan–; entre o cinema de pensamento e as praxes herdadas do cinema de vangarda e experimental –Enfrentar animales salvajes–; así como unha implícita revisión do propio medio como vehículo de expresión y reflexión –como revelan dúas obras tan diferentes mais complementarias coma El novio actual e Siete años en mayo–.
O que se evidencia, no fondo, é a xeración dun bioma, dunha biodiversidade na que fauces e garras semellan estar sempre alerta, e listas para a acción.

