Novos Cinemas. Festival Internacional de Cinema de Pontevedra nace en 2015 na cidade de Pontevedra (Galicia) co obxectivo de promover o talento emerxente a creatividade contemporánea. Trátase dun certame competitivo cuxa programación se implementa en diferentes emprazamentos da cidade, como a sede do Vicerreitorado do Campus de Pontevedra (Casa das Campás), a Facultade de Comunicación e o Museo de Pontevedra, pero que exhibe os seus filmes no emblemático Teatro Principal.
Amén das diferentes actividades que configuran a programación a nivel informativo -Foco, Carta Branca, colaboración con outros certames, etc.-, a principal divisa do festival é a promoción da obra de cineastas noveis. Sen restricións de xénero ou formato, apostamos pola exhibición das súas primeiras ou segundas longametraxes a través das Sección Oficial e Latexos, así como das curtametraxes realizadas polo alumnado de centros formativos de España e Portugal na sección Ceres.
Ao mesmo tempo, moitas das obras que forman parte da nosa programación foron xa recoñecidas e premiadas en festivais internacionais. Deste xeito, Novos Cinemas ofrece ao público unha selección coidadosa de filmes que reflicten a creatividade contemporánea máis innovadora, conectando as novas voces do cinema co circuíto cinematográfico global.
Formación, inclusión e comunidade
Coa vontade de contribuír a difusión do coñecemento, da creatividade e da experiencia, -factores determinantes para construír comunidades formadas, empáticas e igualitarias- dedicamos gran parte do noso esforzo ao deseño e implementación dos nosos programas didácticos a través das seccións AULA e AULA+NOVOS. Estas iniciativas permítennos impulsar a divulgación proactiva da cultura cinematográfica e audiovisual en todos os estadios vitais ao tempo que insistimos na estimulación da creatividade emerxente no orbe do noso campus.
Neste contexto, o Obradoiro de Cinema xoga un papel esencial, pois conecta creadorxs cinematográficos de contrastada experiencia co alumnado universitario, ofrecendo un espazo de encontro e aprendizaxe no que o estudantado do noso campus (Pontevedra) desenvolve proxectos de curtametraxe baixo a orientación e supervisión de cineastas de recoñecido prestixio.
A través de talleres, encontros con profesionais e sesións matinais, construímos unha programación que non só enriquece a formación artística, senón que tamén aposta pola inclusión social activa.
Encontro profesional e impulso á creación
No ámbito profesional e sectorial, o festival presenta Ágora, un espazo de encontro, intercambio, diálogo e reflexión no que teñen cabida todxs xs axentes implicadxs nese fenómeno denominado cinema. Un foro que nos permite adquirir unha visión global, plural e inclusiva do feito fílmico.
Por outra banda, Terra#LAB é un espazo de acompañamento e desenvolvemento cinematográfico creado en 2016 no marco de Novos Cinemas. Dirixido a primeiras e segundas longametraxes de cineastas emerxentes, especialmente menores de 30 anos, conta cunha traxectoria de 37 proxectos apoiados, consolidándose como referente clave para o talento novo. O seu enfoque aposta pola diversidade, a mirada periférica e a ruptura coas prácticas convencionais, favorecendo a profesionalización e a conexión coa industria internacional a través dun asesoramento próximo, personalizado e adaptado ás necesidades de cada proxecto.
Fóra de campo: máis alá do festival, todo o ano
Fóra de campo abrangue todas aquelas actividades que teñen lugar fóra da programación oficial e alén das datas do festival, converténdose nun espazo vivo de creación aberta, reflexión e diálogo transversal entre disciplinas. Este apartado permite estender a acción de Novos Cinemas ao longo de todo o ano, en diferentes contextos e localizacións, dando continuidade e amplitude ao noso labor de dar visibilidade ao cinema emerxente. Ao mesmo tempo, contribúe a desestacionalizar o noso traballo e a fortalecer unha relación directa, sostida e lineal coa comunidade. Fóra de campo é o lugar onde o cinema segue a habitar e a interpelar, sen marxes nin encadres pechados, mantendo o espírito do festival activo entre as diferentes edición.
LÍÑA EDITORIAL
Como proxecto orgánico e heterodoxo, que aspira á promoción cultural e á interacción social, Novos Cinemas edifícase sobre unha liña editorial en constante construción cuxos principios/obxectivos son os que seguen:
Detectar e difundir o talento emerxente.
Reflectir a diversidade temática, estética e formal que caracteriza ao cinema contemporáneo.
Fomentar a interacción entre profesionais do sector cinematográfico e entre estxs e o público.
Atender ás demandas sectoriais deseñando e acollendo propostas ad hoc.