

CUESTIÓN DE EXTREMIDADES
Inspirándose nun radical renovador do pensamento crítico como Manny Farber, Colectivo Termita forma parte dunha nova xeración da crítica cinematográfica española que amplía o seu radio de acción cara aos territorios da programación, o comisariado e a creación cinematográfica a partir da confluencia de distintas miradas e disciplinas. Conformado por seis ex estudantes do Máster de Crítica Cinematográfica da ECAM, a súa actividade desprégase en distintos ámbitos: desde a escritura e a crítica, con colaboracións en publicacións como Caimán Cuadernos de Cine ou Revista Mutaciones, ata o desenvolvemento de proxectos de programación e comisariado en diferentes espazos e institucións como Trenes de sombras en Cineteca Madrid ou Jardín de verano en La Linde, alén dos seus propios traballos de creación.
Dous integrantes do colectivo presentarán a súa liña editorial e o seu xeito de idear, producir e desenvolver proxectos, así como as distintas formas de pensar e xerar espazos e experiencias ao redor do cine.
Nacho Álvarez. Graduado en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid con especialización en Arte Contemporánea e Cinema e postgraduado no Máster de Teoría e Crítica da Cultura da Universidade Carlos III de Madrid, dedicando ambos os traballos de investigación ás figuras de Terence Davies e Terrence Malick, respectivamente. Tras terminar o Máster de Crítica Cinematográfica da ECAM, funda o Colectivo Termita (programación, crítica e creación cinematográfica). O seu labor actual divídese entre a programación en festivais e institucións (Intersección e Cineteca), a colaboración no equipo de redacción de SEMINCI (Semana Internacional de Cinema de Valladolid) e o exercicio da crítica cinematográfica en medios como Caimán Cuadernos de Cine, El antepenúltimo mohicano ou Revista Mutaciones (da que forma parte do consello editorial).
Andrés González. Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Alcalá, con especialización en Cinema e Fotografía. Ao terminar o grao, inicia a súa actividade profesional nos eidos da produción e a comunicación cinematográfica. Posteriormente, cursa o Máster en Crítica Cinematográfica da ECAM, onde cofunda o Colectivo Termita, centrado na crítica, programación e creación cinematográfica. O seu interese polo cinema experimental e de vangarda lévao a continuar a súa formación a través dos programas de Insubordinaciones Fílmicas en LAV. Actualmente, compaxina labores de crítica e comisariado coa programación de cinema no circuíto de exhibición comercial. Así mesmo, forma parte do consello editorial da Revista Mutaciones, medio no que colabora como redactor.