

CUESTIÓN DE EXTREMIDADES
espírituescalera (Madrid, 2014), colectivo de creación artística e audiovisual afastado de formatos e disciplinas, confórmase organicamente e horizontalmente por compañerxs e amigxs que se ocupan de diferentes áreas e tarefas do proceso creativo e executivo en función da natureza das propostas. Rexeitando as narrativas demasiado centradas na figura do eu, espírituescalera busca espazos de conflito e confluencia colectiva. Combinando alquimicamente militancia, ética, estética e compromiso social, os seus proxectos percorreron numerosos festivais e espazos de exhibición artística. Actualmente, atópanse inmersos no desenvolvemento (en diferentes estados) de películas e proxectos como Laguna El Ministro, La muerte no pudo con él, En la madrugada del nueve de enero, Lectura íntegra de La sociedad del espectáculo en Atenas a la primera ou Los subrayados, entre outros.
Neste encontro, dúas persoas do colectivo compartirán os procesos creativos e de traballo nas súas diferentes facetas, posibilidades e casualidades, para poñelos en cuestión afastándose sempre das mensaxes ou conclusións de autoaxuda, autocompracencia ou de carácter moralizante.
Antonio Llamas (1992, Madrid), director, guionista e montador. Membro fundador do colectivo de cinema espírituescalera e do espazo de creación e investigación Carnicería situado en Madrid. As súas curtametraxes (como La insurrección que viene ou Romance del robo del sacramento) exhibíronse en diversos festivais internacionais. A primeira longametraxe do colectivo, Mitología de barrio, estreouse en FID Marseille e, a nivel nacional, en Documenta Madrid. Exhibiu proxectos como Habent sua fata libelli en NAVESIERRA. Co colectivo espírituescalera, desenvolve proxectos como Laguna El Ministro, En la madrugada del nueve de enero ou Lectura íntegra de La sociedad del espectáculo en Atenas.
Ximo Peris (1993, Valencia), guionista e escritor. Membro do colectivo de cinema espírituescalera e do espazo de creación e investigación Carnicería situado en Madrid. Levou a cabo a escritura e o desenvolvemento de diversos proxectos de curtametraxes e de longametraxes, como Mitología de barrio. Dentro do colectivo espírituescalera, atópase inmerso na escritura de diferentes filmes e outros proxectos como Laguna El Ministro ou La piedra de la locura. Paralelamente, escribe varios libros e desenvolve labores editoriais.