Skip to content

Coral Piñeiro

Coral Piñeiro é unha nova realizadora galega. Dirixiu as curtametraxes Dores e Na pel da memoria (esta última xunto a Laura Piñeiro) e actualmente traballa na súa primeira longametraxe, Da túa man para a miña, en colaboración con Fran Rodríguez Casal. É cofundadora de Memoria e Cinema, un colectivo de novos cineastas que exploran a memoria, dende a familiar ata a histórica. Ademais, colabora en diferentes festivais galegos no ámbito da programación e da comunicación, e exerce como docente en proxectos de educación a través do cinema, como a MICEscola da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego.

Paulino Pérez

Paulino Pérez, licenciado en Ciencias da Información pola UCM (Madrid) e doutor en Comunicación Audiovisual pola UVigo, na que imparte as materias de Guión, Produción e Realización de Ficción e Tecnoloxía dos medios audiovisuais desde 2004. Codirector do curso de cinema CeMAC desde 2012, codirector da Master Class AUGAL sobre audiovisual galego e director do Taller Celanova estudio de ficción desde 2010, onde se produciron sete curtametraxes, cinco webseries e dous documentais. Foi docente da Cátedra de TV e Novos Medios na Escola Internacional de Cinema e TV de Cuba (2017 e 2018). É membro do grupo de investigación Novos Materiais do departamento de Física Aplicada no que desenvolve a liña de divulgación científica audiovisual e onde participou en 17 Proxectos de Investigación e 9 Proxectos de Transferencia. Dirixiu as tres edicións do concurso Desafío Audiovisual Illas Cíes (Concello de Vigo) e das sete edicións do concurso de creación de curtametraxes Fas Muvis do Ourense Film Festival.

Romina Doce

Romina Doce naceu e criouse en Bos Aires, cidade onde comezou os estudos de Xornalismo na Universidade de Quilmes. Posteriormente, afincada en Galicia, a terra dos seus avós, estudou Produción Audiovisual na EISV de Vigo.Tras traballar nunha produtora especializada en obras documentais, decidiu montar un proxecto propio. A finais do ano 2007, fundou, xunto con Gero Costas, Producciones Mutantes, onde desenvolveu diferentes labores, dende produción, dirección de fotografía e realización. Desde a produtora leva a cabo proxectos de publicidade, documental, videoclip e ficción. Por outra banda, desde o ano 2020 tamén é a Fotógrafa do Museo de Pontevedra e Tesoureira de CREA, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización.