Skip to content
10 e 11 DEC.
16:30 h. a 19:30 h.
Casa das Campás

Jesús Choya, formado en Produción Cinematográfica na ECAM, comeza en 2021 o seu traballo como produtor baixo a marca [pico tres cine], centrándose no sector da curtametraxe con proxectos recoñecidos con premios como a Biznaga de Prata de Málaga ou o Méliès de Prata. Como evolución deste proxecto, funda con Nacho Solana SINCIO de pelis, produtora cántabra que tenta acompañar novas voces e miradas radicais e que actualmente posproduce as novas películas de Luis (Soto) Muñoz ou Gloria Asla. En 2022 é seleccionado como Málaga Talent e incorpórase a Buenapinta Media, onde exerce como produtor delegado de longametraxes coma Ciudad sin sueño (Guillermo Galo), premio SACD na Semaine de la Critique de Cannes; Tre Ciotole (Isabel Coixet), película inaugural da SEMINCI; Los domingos (Alauda Ruiz de Azúa), Concha de Ouro en San Sebastián.

Paralelamente, desenvolve traballos como coordinador de posprodución na serie No me gusta conducir, para HBO Max, ou na longametraxe Daniela Forever (Nacho Vigalondo). Participou na coordinación de campañas de premios, colaborando con Netflix nos Premios Óscar 2023–24 e con Disney+ nos seus premios españois de 2024. En 2024, é seleccionado como un dos 10 Emerging Spanish Producers to Watch por Variety e, en 2025, incorpórase como produtor executivo responsable de LAZONA Zinema, a filial en Bizkaia do grupo LAZONA.

OBRADOIRO ECAM CON JESÚS CHOYA
E AGORA QUE? PRODUCIÓN E REALIZACIÓN NOVEL

Nun contexto de paradoxo no que a democratización dos medios de produción cinematográfica é maior que nunca e, ao mesmo tempo, os circuítos de financiamento estréitanse cada vez máis con respecto ao volume de proxectos, cómpre ser quen de deseñar un esquema de financiamento, produción e explotación ad hoc para cada película, buscando solucións creativas que máis aló de modelos preestablecidos e ineficaces, especialmente, para as narrativas audiovisuais máis radicais e as voces noveis.

Neste seminario, dirixido e impartido por Jesús Choya, produtor emerxente que actualmente dirixe LAZONA Zinema e combina proxectos de cineastas emerxentes onde prima a creatividade e o risco con producións entroncadas nos estándares industriais máis convencionais, exploraremos os camiños posibles que inspiren a cineastas noveis na realización das súas primeiras ideas orixinais, con especial foco na figura do produtor como axente esencial no acompañamento creativo; os retos e obstáculos máis habituais aos que se enfrontan, con exemplos de casos reais, e debateremos sobre o equilibrio entre industria e risco e a situación presente e futura da nosa cinematografía. Todo isto desde unha perspectiva participativa a partir da cal poidamos extraer recursos prácticos e praxes que permitan cristalizar os nosos proxectos.

Descubriremos portas ás que podemos chamar e entenderemos que debemos crear outras, co obxectivo de converter os desgustos e a frustración que pode supor levantar unha primeira película coa certeza de que outro modelo é posible.

Data: xoves 10 e venres 11 de decembro de 2026
Horario: 16:30 h a 19:30 h
Duración: 6 horas
Sede: Casa das Campás | Previa inscrición

INSCRICIÓN
Público xeral: 30 euros
Estudantes: 15 euros

· É necesario adxuntar o xustificante de pago.

· Ingreso vía transferencia na conta ES7200496737022910009006 a nome de ACC NOVOS CINEMAS. Concepto: «SEMINARIO con JESÚS CHOYA». Inscrición ata o 5 de decembro ás 23:59 h. Prazas asignadas por rigorosa orde de inscrición.

ASISTENCIA PREVIA INSCRICIÓN

    FORMULARIO DE INSCRICIÓN / FORMULARIO DE INSCRIPCIÓN / ENTRIE FORM