Skip to content
ENTRADA DE BALDE
16 DEC. / 10.30 h
Sesión para escolares
Museo de Pontevedra

Diana Gonçalves produce e dirixe o documental Mulleres da Raia (2009). Como produtora e xestora, estimula o intercambio cultural multidisciplinar entre España e Portugal, colaborando con AGADIC no deseño e organización de varios encontros do programa CREATIVA. Tamén deseña e coordina a retrospectiva documental Carlos Velo: Ollar à marxe (Filminho), e promove e dirixe talleres en centros escolares de Galicia e Norte de Portugal.

Participou durante cinco anos no laboratorio documental coordinado por Marta Andreu, El Retrato Filmado, onde dirixiu cinco curtametraxes documentais. Co material de arquivo deses traballos produce e dirixe Palmira (2017). En 2023 funda a asociación cultural e social Raia Creativa, espazo de encontro para o diálogo, o intercambio e a práctica creativa en liberdade dende o que promove o proxecto Transfronteiriza, unha instalación multidisciplinar.

ENCONTRO CON DIANA GONÇALVES + EXHIBICIÓN CURTAMETRAXES

A cineasta tudense Diana Gonçalves (xurado da Sección Ceres) compartirá a súa concepción da cultura e o cinema co estudantado, e presentará dúas curtametraxes que denotan a capacidade do medio para revelar que tras a intrahistoria dos seres humanos tamén están a memoria e a historia non contada dun xénero, dunha comunidade, dun territorio e dunha paisaxe que esquiva os conceptos de raia, límite e fronteira.

RETRATO DERIVA e RETRATO ESPELLO

Laboratorio Retrato Filmado | 2009-2013 | PlayDoc

A vida que transcorre lentamente, repetitiva. Un corpo canso pero á vez resistente. E do outro lado da cámara, a tentativa de atopar ese instante fugaz que nos revele algo máis da vida. Da observación á construción co propio personaxe.

Palmira, fotogramaPalmira, fotogramaPalmira, fotograma

Nota sobre o recordo

Palmira estaba moi acostumada á prensa, ao superar os 100 anos, todos os anos visitábana polo seu aniversario para preguntarlle «Cal é o seu segredo?». Tamén sabía cal era o seu papel diante da cámara, por iso a primeira vez que me viu chegar cámara en man, non esperou indicacións: «Vou ata ou cruceiro e veño de volta, non?». Pensou que me bastaría cuns cantos planos e que ao día seguinte volvería á súa rutina solitaria. Naquel momento non era oportuno, e non fun capaz de dicirlle que a miña intención era volver ao día seguinte e ao outro, sen data de despedida. Así que imaxino que cada día pensaría que só sería un máis. E ao ver que ao final marchaba pero ao ano seguinte volvía, e seguía facendo as mesmas cousas raras, simplemente deume por un caso perdido. Parecíalle raro que gravase as mesmas situacións, o paso das horas, o que aparentemente non ten importancia. E preocupáballe que non comese, por iso, puntualmente, á 1 da tarde, preguntábame «Non queres un ovo?»

O tempo foi moldeando a relación e abrindo un espazo de intimidade. E aquel volver cada ano, converteu esa semana nun encontro esperado. Deixamos de estar preocupadas por entendernos e a aproximación permitiu o xogo. Filmar ao outro é cousa de dúas e cada un represéntase, loita polo seu espazo e ás veces esquécese de que a cámara está acendida. Exercía a miña función de directora, observaba, seguía o curso dos acontecementos pero tamén provocaba situacións, preparaba a posta en escena e ás veces deixábame dirixila. Outras veces era ela quen me marcaba o ritmo e a dirección. E claramente marcábame os límites e o «corten». O xogo chegara ao seu fin. Reclamaba volver habitar a súa soidade e estar en comuñón. Recordo que só falaba cando era necesario e non repartía consellos. Pero houbo unha frase que me repetiu con certa insistencia, coma se fose a mensaxe que nos quixese deixar: «Habedes de volver a terra».

Efectivamente non houbo despedida. E como seguir facendo o retrato sen personaxe? Como superar a ausencia? Para aquel entón xa me deixara moito aínda que o descubriría máis tarde. E non eran respostas. Filmar é vivir.

Diana Gonçalves