Skip to content
ENTRADA DE BALDE PREVIA INSCRICIÓN
12 DEC. / 11.30 h.
Museo de Pontevedra
MONSTROS DE CINEMA

INSCRIPCIÓNS NO WHATSAPP DE TALLER ABIERTO: +34 617 34 03 23

O cine fantástico e de terror insuflou vida a criaturas que hoxe forman parte do noso imaxinario e dos nosos peores pesadelos. Estes seres, xurdidos das lendas e dos mitos ancestrais, da literatura secular, ou de creacións ex profeso para a gran pantalla, encarnan os temores e os medos dos seres humanos ao longo do tempo.

Os exemplos son múltiples, dende a estilizada e ominosa sombra vampírica ata ameazantes monstros de orixes e formas diversas, sen esquecer personaxes que agochan escuras intencións. Estas criaturas, máis alá de asustar ou facernos tremer polo seu aspecto, son empregadas a miúdo no eido da creación, pois permiten indagar no fondo da alma humana materializando o abstracto mediante presenzas —fascinantes, grotescas e icónicas— que impregnan atmosfericamente a memoria colectiva secular.

Partindo deste contexto, propoñemos un obradoiro dirixido a nenos e nenas de 8 a 12 anos que achegue personaxes míticos do xénero de terror e do fantástico a través dunha actividade plástica que conxuga a imaxinación e a creatividade para deseñar criaturas aterradoras mais atractivas e fascinantes a partir de recoñecidos exemplos da historia do cinema.

taller abierto é un colectivo formado por dúas arquitectas que desde 2013 desenvolve proxectos artísticos e culturais. Entre as súas actividades están a organización de cursos de formación para docentes, o comisariado de exposicións, e os talleres didácticos en museos e institucións privadas. O seu labor no eido da educación, ademais, abarca a produción de material didáctico sobre diferentes temas en soporte físico e audiovisual. Para elas o espazo público e a paisaxe poden ser motor de aprendizaxe, polo que tamén instauran proxectos no que estes son protagonistas.
https://tallerabierto.info/