A educación audiovisual da cidadanía é un dos obxectivos de Novos Cinemas. Por iso continuamos desenvolvendo #AULA, unha proposta que hibrida transferencia de coñecemento e intercambio de experiencias entre profesionais audiovisuais e a cidadanía nunha atmosfera lúdica e relaxada. Deste xeito, os obradoiros e as proxeccións conforman as actividades e resultados finais de cada nova edición de #AULA.
As curtametraxes producidas en Filmes como marismas, obradoiro impartido pola cineasta e creadora audiovisual Candela Sotos durante o primeiro cuadrimestre do curso académico, reflectirán o talento e a creatividade que caracterizan ao noso campus.
Por outra banda, e en colaboración coa ECAM (Escuela de la Cinematografía y del Audiovisual de Madrid), centro formativo de referencia no territorio peninsular, Jesús Choya Zaratín —produtor cinematográfico de contrastada experiencia e singular sensibilidade para detectar e promover o novo talento— impartirá o seminario E agora que (produción e cinema emerxente) sobre modelos e vías de produción cinematográfica destinadas a estimular e potenciar esa emerxencia.
Non podemos esquecernos da sección motriz de Novos Cinemas: #AULA+NOVOS, un programa que aglutina actividades deseñadas para a poboación máis nova e inqueda.