Skip to content
INTRO

Encontros é un espazo de intercambio, diálogo e reflexión sobre ese fenómeno denominado cinema. Un foro que nos permite adquirir unha visión global, plural e inclusiva do feito fílmico.

Despois das actividades previas ás datas do festival, ENCONTROS achéganos seis propostas que aspiran a conformar un programa tan heteroxéneo como orgánico. Por unha banda, a presentación de dous proxectos que afrontan o cinema dende o colectivo e o multidisciplinar: colectivo Termita, referente da nova crítica, da programación e a creación, e espírituescalera, comunidade de ideación, produción e creación de proxectos. Seguiremos coa presentación de dúas mesas sectoriais: na primeira exploraremos alteridades aos modelos estándares de programación, produción, creación e distribución acompañados de colegas moi especiais —Rodrigo Areias, Brais Romero e Francisco Álvarez—, mentres que na segunda, representantes de tres festivais internacionais compartirán impresións sobre relacións internacionais e sustentabilidade —DOC[IN]. Festival Internacional de Documentário de Viana, Cámara Lúcida. Festival Internacional de Cine e Novos Cinemas. Festival Internacional de Cinema de Pontevedra—. Por outra banda, renovamos a nosa colaboración co programa Working Class Heroes (Porto/Post/Doc) exhibindo un filme, e presentaremos unha escolma de curtametraxes do cineasta e programador ecuatoriano Francisco Álvarez Ríos.