Xa está aberta a convocatoria para Terra#LAB, o laboratorio que desde hai máis de nove anos apoia a cineastas emerxentes no seu camiño cara á primeira ou segunda longametraxe.
Terra#LAB non é só un espazo de traballo, é un ecosistema que ofrece asesoramento profesional, obradoiros intensivos e unha rede ampliada de colaboracións, pensado para proxectos en fase de escritura, desenvolvemento ou preprodución. Nesta edición, o laboratorio renóvase co seu novo nome e reforza o compromiso coa diversidade e a igualdade, reservando un 50 % da selección a autoras e ampliando a súa mirada internacional sen esquecer o talento galego.
O laboratorio celebrarase do 8 ao 12 de decembro de 2025, coincidindo co festival, e estará coordinado por Isona Admetlla, mantendo a colaboración co Náutico de San Vicente como sede clave para as actividades.
Quen pode participar?
Creadorxs que estean a traballar na súa primeira ou segunda película teñen a porta aberta a nivel global, podendo presentar proxectos en galego, castelán ou inglés. Seleccionaranse un mínimo de sete proxectos, garantindo unha presenza forte do talento local e unha ollada fresca que desafíe as narrativas convencionais.
Como inscribirse?
A inscrición está aberta ata o 30 de xuño de 2025 a través do formulario na web do festival. Os interesados deben presentar un dossier con sinopse, nota de intención, mood board, CV e material audiovisual opcional. Os seleccionados contarán cunha bolsa de desprazamento para facilitar a asistencia presencial.
Desde a súa creación en 2016 baixo o nome #LAB, este espazo acompañou máis de 30 proxectos, converténdose nunha peza clave para o cinema independente. Nesta décima edición, Terra#LAB renace con identidade propia, mantendo o espírito de apoio próximo e a aposta polas voces emerxentes menores de 30 anos.
Para máis información, bases completas e formulario, visitade www.novoscinemas.com