O venres 29 de agosto ás 22.30 h, o xardín de Nasantiña (A Santiña 35, O Burgo, Pontevedra) convértese nunha sala de cinema ao aire libre para acoller un encontro singular: a música electrónica en directo do pontevedrés David Fontaíña acompaña unha selección de curtametraxes científicas do cineasta francés Jean Painlevé.
A sesión, posible grazas á colaboración de Nasantiña e IFcinema, mestura creación sonora e imaxe en movemento para explorar novas formas de relación entre ecosistema, biodiversidade e percepción audiovisual.
Un diálogo efémero entre música e imaxes
O director artístico do festival, Suso Novás, viu na proposta de Fontaíña unha oportunidade para abrir novas vías de encontro entre música e cinema. El será tamén quen presente a sesión e conduza o coloquio posterior.
Segundo Novás, “as criaturas que Painlevé filmaba permítennos mirar o mundo doutra maneira, afastándonos da mirada antropocéntrica e valorando tanto o pequeno como o inmenso”.
Pola súa parte, Fontaíña explica:
“Os documentais hipnóticos de Painlevé mestúranse cos bucles case meditativos da síntese modular en directo. Non se trata de ilustrar, senón de crear un diálogo pausado co que acontece na pantalla.”
Curtametraxes programadas
ACÉRA OU LE BAL DES SORCIÈRES | Francia, 1972 | 13’ | Cor
LES OURSINES | Francia, 1954 | 11’ | Cor
L’HIPPOCAMPE | Francia, 1933 | 13’ | Branco e negro
LES AMOURS DE LA PIEUVRE | Francia, 1967 | 13’ | Cor
Ágora: encontro e pensamento arredor do cinema
A actividade insírese en Ágora, sección dedicada ao intercambio profesional e á reflexión crítica sobre o cinema contemporáneo. Un espazo aberto a voces diversas e a novas formas de creación.
Datos da actividade
Data: Venres 29 de agosto de 2025
Hora: 22.30 h
Lugar: Xardín de Nasantiña (A Santiña 35, O Burgo, Pontevedra)
Entrada libre ata completar aforo