O domingo 18 de maio ás 20.00 h, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá unha sesión especial que achegará ao público dúas propostas recentes e destacadas do cinema galego contemporáneo: O frío, de Pablo Dopazo, e A roiba, de Jaime Olmedo.
A actividade, de entrada libre ata completar aforo, contará coa presenza dos dous cineastas, que estarán acompañados por Suso Novás, director artístico de Novos Cinemas. Tralo pase dos filmes, abrirase un espazo de diálogo co público, nun ambiente próximo que busca promover a reflexión arredor dos procesos creativos e as linguaxes do cinema actual.
Esta sesión insírese no marco de Ágora, a sección profesional do festival, concibida como un espazo de encontro, reflexión e pensamento arredor do cinema. Un foro aberto á pluralidade de voces que constrúen o feito cinematográfico hoxe.
Con esta proposta, Novos Cinemas reforza o seu compromiso coa creación cinematográfica local, proporcionando unha plataforma para obras que apostan pola independencia formal e estética, e fomentando o intercambio entre profesionais e espectadoras/es.
As curtametraxes
O frío
Galicia, España, 2024, 17’, cor
Dirección e guión: Pablo Dopazo
Montaxe: Carlos Martínez Peñalver-Mas
Fotografía: Jaime Olmedo
Son: Xavi Souto
Posprodución de imaxe: Leticia T. Blanco
Elenco: José María Sanjurjo, Daniel Sanjurjo
Produción executiva: Anna Kulyk
Produción: Nova Industria Films
Sinopse: Un día normal na vida dun home de clase traballadora é interrompido por un acontecemento extraordinario; é o pasado que se fai presente.
A roiba
Galicia, España, 2024, 20’, cor
Dirección, montaxe e fotografía: Jaime Olmedo
Son: Xavi Souto
Deseño de cartel: Leticia T. Blanco
Embarcación: Pablo Lamosa
Dron: Rodrigo Gamero
Produción: Asociación FIC Bueu
Sinopse: No ano 1967, Ramón Vázquez Molezún, arquitecto recoñecido, decide construír un refuxio de verán sobre as ruínas dunha antiga salgadura na ría de Pontevedra. Esta construción austera, na que conflúen arquitectura moderna e saber artesanal, converterase nunha das obras máis representativas da arquitectura do século XX en España.
Sobre os autores
Pablo Dopazo estudou literatura e filosofía en Santiago de Compostela e Madrid. En 2020 funda, xunto a Anna Kulyk, a produtora Nova Industria Films, desde onde desenvolve un cinema que prioriza a independencia artística e outra economía política da imaxe. Tras as curtas O frío (2024) e Home que foxe (2025), prepara actualmente a súa primeira longametraxe, Os Salmos.
Jaime Olmedo é fotógrafo fixo en películas de ficción e documental, e desenvolve tamén proxectos persoais no ámbito da fotografía artística. A súa primeira exposición individual, Supoño que estiven alí, centrada no río Lérez, foi acollida pola Fundación RAC. En O frío, participa tamén como director de fotografía.