Skip to content

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) acolleu na súa vixésima edición unha sesión especial de Lindes con cineastas emerxentes, unha iniciativa en colaboración co festival Novos Cinemas.

Esta sesión paralela constituíuse como un espazo de encontro arredor dos procesos creativos e de documentación de filmes con interese etnográfico, abordando as fronteiras xeográficas e culturais, así como os límites entre a ficción e o documental.

A sesión, que incluía unha presentación e un coloquio, tivo lugar o domingo 16 de marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Durante o evento, proxectáronse seis pezas creadas no marco dos talleres de titorización con cineastas que Novos Cinemas impulsa dentro da súa sección AULA, en colaboración co Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e cos Traballos de Fin de Grao de Comunicación Audiovisual da USC.

Entre as obras exhibidas atopábanse C.O.I.A. de Gala Rodríguez Estévez, resultado do taller con Álvaro Gago na súa 9ª edición; A terra ten Glitch de Yasmina Farhani Luaces, desenvolvida no taller con Berio Molina na 8ª edición; e Galice, Galice, tamén de Yasmina Farhani Luaces, creada na 6ª edición con Adrián Canoura. Ademais, a sesión contou coa proxección de Hamalau de Bea Peres Fernandes, unha peza do taller con Eloy Domínguez Serén na 5ª edición; As horas cegas de Lara e Noa Castro, realizada na 4ª edición con Jaione Camborda; e Manola das cañas de Sabela Souto, tamén do taller con Jaione Camborda na 4ª edición.