Fóra de campo continúa a expandir horizontes creativos con unha nova edición da colaboración entre Novos Cinemas e BDra Gráfica, o festival de banda deseñada dirixido por Kiko Da Silva. Esta alianza, xa consolidada como un espazo fértil para o diálogo entre disciplinas irmás, propón un ciclo cinematográfico que pon o foco na potencia visual e crítica compartida entre o cómic e o cine.
O programa desenvolverase no Teatro Principal de Pontevedra os días 23 e 28 de maio, cunha selección de títulos que conectan xeracións, contextos históricos e estéticas diversas.
O 23 de maio abre cunha sesión matinal para todos os públicos ás 10:30 horas con Mafalda, a película (Carlos D. Márquez, 1982), primeira adaptación animada da célebre personaxe creada por Quino, que segue a ser referente de lucidez e pensamento crítico. Pola noite, ás 20:30 horas, proxectarase Corto Maltés: A corte secreta dos arcanos (Pascal Morelli, 2002), unha inmersión na Rusia revolucionaria a través das aventuras do icónico personaxe de Hugo Pratt, protagonista do cartel desta edición.
A colaboración culmina o 28 de maio, ás 20:30 horas, cunha proposta que une cine, memoria e ilustración. A proxección de Morte dun ciclista (Juan Antonio Bardem, 1955), clásico do cinema español que cumpre 70 anos, servirá como preámbulo para a presentación de Contrapaso. Mayores, con reparos, segundo volume do proxecto da autora Teresa Valero, quen estará presente no encontro. A través desta obra, Valero revisita a España franquista desde a banda deseñada cunha ollada que mestura investigación e sensibilidade narrativa.
Esta programación forma parte de Fóra de campo, a sección do festival que mantén viva a súa actividade cultural durante todo o ano, creando conexións inesperadas entre o cinema e outras formas de expresión contemporánea.