Skip to content
ENTRADA DE BALDE
11 DEC. / 12.00 h.
Sala Zennet
ENCONTRO CON SERGIO GOMES E ISONA ADMETLLA

Nun ecosistema caracterizado por cambios (sintagmáticos e paradigmáticos) que afectan tanto á xénese como á posterior cristalización da creación cinematográfica, a combinación interactiva entre creatividade, habilidades e competencias revélase substancial. Por ese motivo, profesionais de contrastada competencia, emanada da conxunción entre saberes, experiencia e polivalencia, convértense en figuras de referencia á hora de recoñecer a potencialidade creativa e estimular o seu desenvolvemento sen desvirtuar a súa esencia.

Sergio Gomes —director executivo, programador e responsable da área de industria de Porto/Post/Doc— asesorará a cineastas dos proxectos da 11.ª edición do noso laboratorio (terralab). Acompañarao a codirectora do laboratorio, Isona Admetlla —especializada no deseño de audiencias, consultora do TorinoFilmLab e analista para Creative Europe MEDIA, Ibermedia e Eurimages—.

Sergio Gomes é director executivo, programador e responsable da área de industria de Porto/Post/Doc: Film & Media Festival, proxecto que cofundou con Dario Oliveira en 2014. Tamén é programador e coordinador das seccións a competición e das actividades de industria de Curtas Vila do Conde ISFF desde 2001. Vinculado á escena musical, en 2006 fundou BREAKS lda, promotora de música Breakbeat/Bass/Tech-Funk, e actuou en varios países, entre eles Portugal, España, Francia, Italia e Gran Bretaña. Durante máis dunha década presentou un programa de radio en R.U.M. – Rádio Universitária do Minho. Participou en comités de selección, xurados e plataformas profesionais de festivais internacionais de cinema, como Dokufest, Festival dei Popoli, Visioni dal Mondo, FIPADOC ou o Ágora do Thessaloniki IDF. O seu traballo céntrase na xestión estratéxica de organizacións culturais, a programación cinematográfica e o desenvolvemento de redes internacionais que estimulan e apoian a circulación de filmes e novos proxectos cinematográficos.