Este ano, coincidindo co noso décimo aniversario, estreámos o Premio de Cinematografía Novos Cinemas Pontevedra 2025 un recoñecemento que nace para destacar olladas singulares e comprometidas coa linguaxe cinematográfica.
A cineasta Carla Simón será a primeira en recibir este galardón, que se entregará o martes 2 de decembro ás 12:30 h no Teatro Principal de Pontevedra, nun acto aberto ao público. A directora estará presente en Pontevedra para recoller o premio e participar na cerimonia de entrega, un encontro que marcará o inicio das celebracións polo décimo aniversario do festival. Antes, ás 11:30 h, celebrarase no mesmo espazo a rolda de prensa de presentación da décima edición de Novos Cinemas.
O premio nace co impulso do Concello e da Deputación de Pontevedra, e representa un desexo largamente compartido polo festival: recoñecer a implicación autoral, o risco creativo e a coherencia ética e estética que definen unha cinematografía viva e transformadora.
A elección de Carla Simón ten unha dimensión especialmente significativa. A súa relación con Novos Cinemas remóntase a 2017, cando obtivo o Premio do Público coa súa ópera prima Estiu 1993. Dende entón, a súa obra consolidou unha ollada fondamente persoal, ética e sensorial que encarna o espírito do festival: un cinema que interpela, emociona e abre novas formas de comprender o mundo.
Pola súa traxectoria, marcada polo estilo naturalista e o enfoque en historias íntimas sobre a familia e a memoria, Carla Simón é hoxe unha das voces máis recoñecidas do cinema europeo. A súa carreira despegou coa ópera prima Estiu 1993 (2017), pero acadou o máximo recoñecemento con Alcarràs (2022), gañadora do Oso de Ouro no Festival de Berlín. No 2023 recibiu o Premio Nacional de Cinematografía, e foi distinguida tamén en festivais como Cannes, así como nos Premios Goya, Feroz e Gaudí por Alcarràs e Estiu 1993. A súa última película, Romería (2025), competiu pola Palma de Ouro no Festival de Cannes.