Skip to content

Un premio oficial para recoñecer as novas voces que nacen nas aulas e conectan co sector profesional

Dende o martes 1 de xullo ábrese a convocatoria da sección CERES, un dos tres premios oficiais do certame xunto ás seccións competitivas principais (Oficial e Latexos). Trátase dunha sección dedicada exclusivamente a curtametraxes realizadas polo alumnado de escolas de cinema e centros de formación audiovisual de España e Portugal.

CERES nace como un espazo para recoñecer a creatividade, o traballo colectivo e as primeiras propostas cinematográficas que xorden dentro das aulas, coa vontade de tender pontes entre o ámbito formativo e o profesional.

Cada centro poderá presentar ata 3 obras, cunha duración máxima de 30 minutos, producidas ou estreadas despois do 1 de xaneiro de 2024. A inscrición debe ser formalizada directamente polos centros, non se aceptan traballos enviados a título individual.

O prazo de recepción estará aberto do 1 de xullo ao 10 de outubro, e a inscrición realizarase a través do formulario dispoñible na web do festival.

As curtametraxes seleccionadas formarán parte da sección oficial CERES e optarán ao Premio CERES, dotado con 1.000 €, que será outorgado por un xurado profesional co obxectivo de apoiar o desenvolvemento dun futuro proxecto cinematográfico da persoa directora gañadora.

Con esta sección, Novos Cinemas reafirma o seu compromiso co cinema que está nacendo, creando un espazo de exhibición e encontro para cineastas que comezan a dar os seus primeiros pasos.

BASES E INSCRICIÓN