O Festival Novos Cinemas continúa coa súa aposta pola formación audiovisual en idades temperás coa programación das sesións MATINAIS AULA+NOVOS. Nesta décima edición, o festival marcou un fito ao levar unha sesión de cinema por primeira vez a unha escola infantil galega: a Escola Infantil O Toxo, en Pontevedra.
O pasado 27 de marzo de 2025, os 62 nenos e nenas do centro, xunto co seu equipo docente, participaron nunha exhibición especial da curtametraxe de animación Parapluies (Paraugas), dirixida por José Prats e Álvaro Robles. Esta peza, laureada internacionalmente, aborda as relacións paterno-filiais a través dunha narrativa visual evocadora que combina elementos dos relatos clásicos cunha profunda reflexión sobre os medos e os desafíos da vida.
A sesión, que tivo unha duración de 21 minutos, foi posible grazas á colaboración do equipo directivo e docente da Escola Infantil O Toxo. Para o equipo de programación do festival, esta experiencia resultou extremadamente enriquecedora e abre a porta a futuras iniciativas destinadas a introducir o cinema como ferramenta educativa desde a primeira infancia.
Ademais, o 25 de marzo de 2025 tivo lugar outra sesión das MATINAIS #AULA+NOVOS, nesta ocasión na EEI Concepción Crespo Rivas. Alí, o alumnado de 6º de educación primaria asistiu á proxección de tres curtametraxes de animación. Obras dunha gran forza expresiva que abordaron temas fundamentais como a defensa da diversidade, a importancia do amor fraternal e o valor da curiosidade como motor da aprendizaxe.
As sesións MATINAIS #AULA+NOVOS contaron co apoio do IFcinéma – Institut français, consolidando o compromiso do Festival Novos Cinemas coa educación audiovisual e a difusión do cinema entre os máis pequenos.