O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, abre este 21 de abril o prazo de recepción de obras para a súa décima edición, que se celebrará do 9 ao 14 de decembro de 2025. Un ano máis, o festival reafirma o seu compromiso co apoio ao cinema autoral e coa difusión das novas voces do panorama cinematográfico internacional.
Nesta nova edición, cineastas emerxentes de todo o mundo poderán presentar as súas películas a dúas das seccións competitivas principais: a Sección Oficial, dedicada a propostas arriscadas e heterodoxas, e Latexos, centrada en obras máis modestas e íntimas. Ambas seccións están abertas a longametraxes (de 60 minutos ou máis) que constitúan a primeira ou segunda obra das súas directoras ou directores, sempre que non foran estreadas comercialmente en España nin emitidas en televisión.
A inscrición é totalmente gratuíta e estará dispoñible ata o 5 de setembro de 2025 a través da nosa páxina web oficial, onde tamén se poden consultar as bases completas da convocatoria.
Premios e recoñecementos
A programación competitiva de Novos Cinemas contará con seis premios, entre os que destacan:
Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial, dotado con 3.000€.
Premio XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial, outorgado por estudantes da Universidade de Vigo.
Premio CERES de 1.000€ á mellor dirección da sección homónima.
Premio da CRÍTICA, concedido por profesionais da crítica cinematográfica.
Premio LATEXOS, que inclúe a exhibición comercial do filme en salas colaboradoras e 500€ para a persoa directora.
Premio do PÚBLICO, escollido polas espectadoras e espectadores do festival.
Nas vindeiras semanas anunciarase tamén a apertura da terceira sección competitiva, destinada a obras procedentes de centros de ensino e formación cinematográfica e audiovisual de España e Portugal.
Período de inscrición: do 21 de abril ao 5 de setembro de 2025