O filme do director serbio Stefan Djordjevic foi o gran triunfador da décima edición de Novos Cinemas – Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, ao facerse co Premio Novos Cinemas e tamén co Premio do Público. A súa proposta, hipnótica e profundamente sensorial, conquistou tanto ao xurado como ás espectadoras e espectadores, que a converteron na favorita deste 2025.
A entrega do palmarés celebrouse na Sala Zennet, nun acto que reuniu ao equipo do festival, ás persoas premiadas e a representantes institucionais do Concello e da Deputación de Pontevedra, da AGADIC e da Universidade de Vigo. O encontro puxo o broche a unha semana chea de descubrimentos, encontros e novas voces do cinema contemporáneo.
Un palmarés diverso e vibrante
Ademais de Wind Talk To Me, o xurado da Sección Oficial concedeu unha Mención Especial a The Crowd, de Sahand Kabiri, unha rave-movie que transforma o delirio xuvenil en baile e resistencia a través dunha posta en escena chea de enerxía e intelixencia fílmica.
O Premio LATEXOS foi para Yrupẽ, de Candela Sotos, recoñecida polo seu fermoso exercicio de reconstrución da memoria persoal, familiar e colectiva a partir dun arquivo (case) perdido no exilio.
Na sección CERES, dedicada ás escolas de cinema, Cama de Lavado, de María Lima, levou o premio pola súa mestura de linguaxes e o uso da animación como ferramenta para construír un universo propio, mentres Todo dicho, de Nel González, recibiu unha Mención Especial pola súa reinterpretación do xénero western e a crítica ás vellas masculinidades.
O Premio da Crítica foi para Glass Bottom Ferry, de Chus Domínguez, polo seu compromiso co presente e pola súa lectura das fronteiras e da migración desde unha mirada poética e política. Us and the Night, de Audrey Lam, levou unha Mención Especial por expandir o tempo e a linguaxe cinematográfica nunha reflexión sobre a intimidade e a curiosidade xuvenil.
Por último, o Xurado Novo recoñeceu a Sahand Kabiri con o Premio á Mellor Dirección por The Crowd, e outorgou unha Mención Especial a Daniel Vidal por La anatomía de los caballos, pola súa exploración visual e o uso expresivo da luz.