
Rodrigo Areias é director e produtor. Cursou estudos de Xestión na Universidade Católica Portuguesa e licenciouse en Son e Imaxe na Escola das Artes, especializándose en Dirección na Tisch School of the Arts (NYU) e participando no «Production Eurodoc Program» e no «Venice Biennale College». Iniciou a súa traxectoria profesional como músico e produtor musical no selo Garagem, e como deseñador de son para directores como Paulo Rocha e Edgar Pêra. Desenvolveu traballos creativos nos ámbitos da ficción, o documental, a videoarte e os videoclips para algunhas das mellores bandas do panorama rock portugués (The Legendary Tiger Man, Wray Gunn, Mão Morta, Sean Riley and the Slow Riders, etc.). Dirixiu 8 longametraxes e varias curtametraxes, galardoadas en máis de 40 festivais, incluíndo Karlovy Vary, Ismailia, Pristina, Matera e Kalajoki.
Desde 2001 produciu e coproduciu máis de 150 curtametraxes e longametraxes —de ficción, documental e animación— de cineastas internacionais como F.J. Ossang, Gabe Klinger, Teddy Williams, Lois Patiño e Matías Piñeiro, e de cineastas portugueses como Edgar Pêra, João Canijo, Ana Rocha de Sousa e André Gil Mata. Como produtor, gañou un León de Ouro en Venecia e un Leopardo de Ouro en Locarno. As súas producións estreáronse nos festivais internacionais máis importantes —Cannes, Berlín, Venecia, Róterdam, Locarno, Clermont-Ferrand e Annecy—. Foi responsable da produción cinematográfica de Guimarães, Capital Europea da Cultura 2012, producindo filmes de Jean-Luc Godard, Aki Kaurismäki, Peter Greenaway, Manoel de Oliveira, Pedro Costa e Victor Erice, entre moitos outros.
FILMOGRAFÍA
Ficción
NOVA ´78 (2025)
A PEDRA SONHA DAR FLOR / THE STONE DREAMS TO BLOSSOM (2024 | 101’)
O PIOR HOMEM DE LONDRES / THE WORST MAN IN LONDON (2022 | 90’)
VENCIDOS DA VIDA / DOWN BY LIFE (2020 | 66’)
SURDINA / SURDINE (2019 | 75’)
PIXEL FRIO / COLD PIXEL (2019 | 15’)
O GUARDADOR / THE KEEPER (2015 | 17’)
ORNAMENTO & CRIME / ORNAMENT & CRIME (2015 | 90’)
CINEMA (2014 | 9’)
ESTRADA DE PALHA / HAY ROAD (2012 | 90’)
TEBAS (2007 | 80’)
PORTES (2007 | 6’)
HONEY YOU’RE TOO MUCH (2006 | 3’)
BLUE MOON BABY (2006 | 4’)
EN GALÈRE (2005 | 7’)
TEMPO SUSPENSO (EXPLOSÃO INTROSPECTIVA # 7) (2003 | 9’)
ENCADOS (2001 | 19’)
Non ficción
A ARTE DA MEMÓRIA / THE ART OF MEMORY (2021 | 60’)
HÁLITO AZUL / BLUE BREATH (2018 | 78’)
1960 (2013 | 70’)
GOLIAS (2010 | 8’)
D. AFONSO HENRIQUES (2007 | 50’)
MASQUERADE (DRESSIN’ UP) (2006 | 26’)
NICOLINAS (2002 | 54’)
Novos Cinemas celebra o seu undécimo aniversario co produtor, guionista e director cinematográfico Rodrigo Areias. Desde Guimarães, e como cofundador de Bando à Parte, Areias promove a emerxencia de cineastas noveis do seu país e doutras latitudes, mentres colabora activamente no desenvolvemento de proxectos de autores referentes do cinema contemporáneo internacional. Como guionista e realizador, desenvolve unha obra que reflicte as súas filiacións estéticas e ideolóxicas, así como o seu coñecemento e paixón polo cinema e a arte. Areias visitará a nosa cidade e compartirá a súa concepción do cinema como construtor cultural.
ESTRADA DE PALHA
Portugal | 2012 | 90´ | Cor
12 DEC | 17:00h
Cinexpo | 3,50 €
Coloquio co cineasta
A PEDRA SONHA DAR FLOR
Portugal | 2024 | 101´ | Cor
13 DEC | 19:30h
Cinexpo | 3,50 €
Coloquio co cineasta
VENCIDOS DA VIDA
Portugal | 2020 | 68´ | Cor e B/n
19 FEB | 19:00h
Museo de Pontevedra
ORNAMENTO & CRIME
Portugal | 2015 | 90´ | B/n
20 MAR | 19:00h
Museo de Pontevedra
1960
Portugal | 2013 | 70´ | Cor e B/n
23 ABR | 19:30h
Teatro Principal
O PIOR HOMEM DE LONDRES
Portugal | 2024 | 130´ | Cor
22 MAI | 19:00h
Teatro Principal
Rodrigo Areias é un axente capital no desenvolvemento do cine e o audiovisual luso e europeo dos últimos 25 anos. Porén, convén sinalar que os seus intereses non pertencen exclusivamente ao ámbito industrial. A súa curiosidade, polivalencia e heterodoxa militancia estética corrobórano. Ao noso humilde entender, o cine é para Areias un campo de experimentación, aprendizaxe e comuñón netamente cultural.
Obviando o seu labor como produtor, a súa faceta como cineasta parece sosterse na atinada conxunción dun grupo de talentos vinculados, en maior ou menor medida, á produtora Bando à Parte. Esta unión entre cómplices —Jorge Quintela, Victor Correia, Tomás Baltazar, Ricardo Preto, Pedro Marinho, etc.— fai posible a formulación dos singulares universos do realizador vimaranense. Continúa Areias pois o ronsel de cineastas que entenderon que facer películas é infinitamente máis doado se as fas coas persoas adecuadas: aquelas que secundan aquilo que se propón, pois a filia e a paixón sempre pesan máis que a pedra.
Partindo desa premisa, Areias desenvolve unha obra que evidencia a alquimia entre a faceta xestora e o seu xeito de entender unha creación cinematográfica determinada tanto pola historia e a intrahistoria do cinema como pola validación radical da arte e da súa interdisciplinariedade, así como polo cuestionamento de lindes e fronteiras. A todo iso podemos sumarlle a emerxencia dunha crítica dialéctica (en ocasións patente na superficie dos filmes, noutras máis velada) que revela o posicionamento estético e político do cineasta. Estas características, perceptibles nos traballos que conforman este FOCO —o primeiro dedicado ao cineasta en España—, denotan a aposta por unha heterodoxia que emana da (pre)cognición das diferentes sinerxías que se poderían establecer entre temas, fontes e referencias e os procesos máis idóneos para a formulación de cada filme.
O western como territorio a re-explorar (Estrada de Palha), combinando a radical depuración clásica (Boetticher) e a súa relectura contemporánea (Jarmusch), permítelle redefinir a súa paisaxe e revisar o estatuto do antiheroe para, ao tempo —e partindo de Desobediencia civil, texto seminal de Thoreau—, reflexionar sobre as relacións entre individuo, comunidade e poder, así como sobre a intrahistoria do seu país. Nunha liña aparentemente similar, Ornamento e crime —cuxo título parte do ensaio de Adolf Loos— tamén explora o xenérico e o minimalista para esbozar non só un universo totalmente corrupto e sen posibilidade de redención inherente á serie B, senón para establecer un tratado sobre o espazo arquitectónico (en concreto, a obra de Fernando Távora), verdadeiro protagonista do filme; así reverte o mantra figura con paisaxe ao fondo, mentres axusta contas coa historia urbanística de Portugal. Relacionado de maneira umbilical con este último, 1960 parte de Diário de Bordo, texto que recolle a viaxe que o arquitecto Fernando Távora realizou ese ano, para mediante o formato home-movie recrear ese periplo transcontinental mediante a conxunción fragmentada entre imaxes en 8mm —contemporáneas e tomadas por Areias— das urbes visitadas polo arquitecto e as ideas contidas no seu diario.
O acto de aproveitar e resignificar varias das súas curtametraxes cristaliza en Vencidos da Vida, magnético filme Frankenstein, no que a elexía á derrota e a aquelas formas de vivir e sentir aparentemente crepusculares atopan no cine —entendido como espazo físico e metalinguaxe— o seu mellor cómplice. O universo dos cenáculos artísticos e estéticos da era vitoriana —The Worst Man in London— permite a Areias bosquexar un teatro mundi no que a pulsión artística, os padecementos físico-emocionais da época, o mercantilismo relacionado con prezo e valor, as relacións entre aparencia e esencia, verdade e simulacro, cristalizan nun filme que dialoga e amplifica determinadas tendencias do cine academicista. Raul Brandão —escritor luso de culto e alcance— atopa o seu fiel acomodo na sensorial e hipnótica A Pedra Sonha dar Flor, tapiz de situacións, personaxes e territorios míticos marcados polo simbolismo e o existencialismo, polo onírico e a derrota; obra na que o argumento cede o seu espazo ao despregamento progresivo dun universo dominado por unha palabra e unha ficción que operan máis aló do tempo.
Estas propostas amplifican o seu efecto grazas a uns prodixiosos deseños musicais, xerados ad hoc por algúns dos proxectos musicais máis reputados do panorama luso contemporáneo: The Legendary Tiger Man (Paulo Furtado), Rita Redshoes, Tó Trips (guitarrista de Dead Combo), Dada Garbeck (Rui Souza), Morte Shopping, Sean Riley and The Slow Riders, etc. Convén non esquecer que Areias é músico, e que non lle son alleos os procesos fundamentados en acordos e acordes.
Suso Novás





