· Sábado 14 de Decembro, ás 11:30h
· Lugar: Museo de Pontevedra
· Público Xeral: Gratuito
Un filme é un produto complexo que require do concurso dunha serie de traballos preparatorios previos que se encadean moito antes de que devandito filme chegue ás pantallas das salas de cinema. Todo comeza cunha idea na mente dunha persoa, unha forma intanxible que precisa ser materializada antes de iniciar o proceso de produción. Para iso, algúns e algunhas cineastas utilizan o storyboard, unha ferramenta visual fundamental tanto no cinema como noutras disciplinas da comunicación audiovisual, e que permite planificar a narración dunha historia. O storyboard consiste nunha serie de viñetas, semellantes ás dun cómic, que representan, cadro a cadro, o conxunto das escenas clave dun relato cinematográfico, permitindo anticipar como se desenvolverá visualmente.
Neste obradoiro, dirixido a nenos e nenas de 8 a 12 anos, introduciremos a linguaxe cinematográfica mediante o recoñecemento dos diferentes planos cinematográficos (plano xeral, plano medio, primeiro plano, etc.) e ángulos de cámara, explorando como estes elementos contribúen a comunicar emocións e accións de maneira estritamente visual.
A través desta actividade creativa, nenos e nenas familiarizaranse co proceso de planificación dunha película de ficción ou de animación, desenvolvendo o seu propio storyboard para narrar unha historia única e orixinal.
Taller Abierto é un colectivo formado por dúas arquitectas que desde 2013 desenvolve proxectos artísticos e culturais. Entre as súas actividades están a organización de cursos de formación para docentes, o comisariado de exposicións, e os talleres didácticos en museos e institucións privadas. O seu labor no eido da educación, ademais, abarca a produción de material didáctico sobre diferentes temas en soporte físico e audiovisual. Para elas o espazo público e a paisaxe poden ser motor de aprendizaxe, polo que tamén instauran proxectos no que estes son protagonistas.